lunes, 12 de mayo de 2014

DIAZ CASTRO, UN POETA DO TAMAÑO DO CORAZÓN

Nimbos é un libro breve, que consta de 32 poemas, agrupados en sete epígrafes ("Pórtico",
"Noite", "Lus", "Espranza", "Milagre", "Sono", "Ferida") que, con todo, amosan unha grande
coherencia e homoxeneidade, como propia dun autor maduro e de elaboración poética moi
demorada. A súa lingua é coidada, se ben incorpora moitos dialectalismos chairegos, que o
propio autor aclara nun glosario final tanto en Nimbos como noutras entregas poéticas. A
recepción que a crítica coetánea fixo do libro foi entusiasta, como mostran as recensións de R.
Otero Pedrayo, Carballo Calero, A. Cunqueiro, R. Lugrís, X. M. Álvarez Blázquez ou X. L. Franco
Grande. Este aprecio foi constante en toda a historia da literatura galega contemporánea de
modo que podería dicirse, con X. L. Méndez Ferrín, que Nimbos representa "un dos cumes da
poesía galega posterior á guerra civil". Dentro desta obra, cómpre salientar o poema
"Penélope", pola súa condensada e radical descrición de Galicia como unha tea que se está a
facer e desfacer de modo constante.
A obra poética de Díaz Castro en lingua galega posterior a Nimbos é fragmentaria e
parcialmente ficou inédita. Só nos anos oitenta, co seu retorno físico a Galicia, comezou a
publicar en revistas poéticas como Dorna, onde aparecerían varios poemas seus, vellos e
novos, que manterían o autor como un mestre poético para as novas xeracións agrupadas ao
redor desta publicación, que dirixía Luís González Tosar. Se a Díaz Castro, como di un dos seus
poemas con ecos de Aquilino, "a beleza feriume para sempre", tamén o seu legado poético
deixou unha marca indeleble na poesía galega da segunda metade do século pasado.

No hay comentarios:

LinkWithin

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...